Misión

Historia

 

imaxe de  Jardín Sabatini

A apertura do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía en 1990 supuxo a creación dunha das maiores e máis modernas pinacotecas do mundo, malia non ter sido poucos os avatares padecidos polo edificio ata atinxir este fin.

A primeira fundación do Hospital San Carlos, actual sede do Museo, débese ao rei Felipe II, quen no século XVI centralizou neste lugar todos os hospitais dispersos pola corte. No século XVIII, Carlos III decidiu refundalo, por resultaren as instalacións insuficientes para a cidade. O edificio actual é obra dos arquitectos José de Hermosilla e Francisco Sabatini, debéndose a este último a meirande parte da obra.

En 1788, trala paralización das obras pola morte de Carlos III, o edificio foi dedicado á función para a cal tiña sido construído, a de hospital, aínda que a superficie edificada a penas atinxía un tercio do proxecto de Sabatini.

Desde entón, o edificio sofre diversas modificacións e engadidos ata que, no ano 1965, o hospital é clausurado e as súas funcións pasan a ser desenvolvidas pola Ciudad Sanitaria Provincial. O edificio consegue, porén, sobrevivir a diversos ruxerruxes de demolición e, por medio dun real decreto de 1977, é declarado monumento histórico artístico, garantíndose así a súa conservación.

En 1980 comeza a restauración do edificio, realizada por Antonio Fernández Alba, e, por fin, en abril de 1986 ábrese o Centro de Arte Reina Sofía, sendo empregados o baixo e o primeiro andar do antigo hospital como salas de exposicións temporais. A finais de 1988, José Luís Íñiguez de Onzoño e Antonio Vázquez de Castro efectúan as últimas modificacións, entre as que cabe salientar especialmente as tres torres de ascensores de vidro e aceiro, deseñadas en colaboración co arquitecto británico Ian Ritchie.

O Museo, organismo autónomo dependente do Ministerio de Cultura, foi creado mediante o Real Decreto 535/88 de 27 de maio de 1988, tendo a sede no Hospital de San Carlos de Madrid e incorporando os fondos artísticos que fixeran parte do Museo Español de Arte Contemporáneo. O 10 de setembro de 1992, Súas Maxestades os Reis Don Juan Carlos e Dona Sofía, inauguraron a colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, que ata ese momento acollera unicamente exposicións de carácter temporal. A partir de entón, quedaba constituído un auténtico museo, cos cometidos de custodiar, acrecentar e exhibir os seus fondos artísticos; promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións; realizar exposicións de nivel internacional, e pór en marcha actividades de formación, didácticas e de asesoría en relación aos seus contidos, segundo recolle o seu estatuto.

A ampliación

O desenvolvemento continuo do Museo no que respecta ás súas coleccións, actividades, servizos e ao número de visitantes, impulsou aos responsables da institución a realizar estudos sobre a posibilidade de acrecentar a súa superficie. Estes estudos culminaron en 2001 coa edificación polo arquitecto Jean Nouvel dun novo edificio, inaugurado en setembro de 2005. O seu proxecto, alén de responder ás necesidades presentadas polo Museo, situábase no barrio cunha clara vocación de transformación do entorno urbano. Coa creación dunha praza pública –que xorde da ordenación dos novos edificios e da fachada suroeste-, o Museo convértese nun espazo da cidade e para a cidade.

Os novos espazos supoñen un aumento de máis dun 60% sobre a superficie do antigo edificio (51.297 m2), pasando a contar cun total de 84.048 m2. Deste xeito, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía dispón dun espazo expositivo privilexiado.