Buscar

Colección

Share

A Colección dun museo áchase intrinsecamente ligada á noción de historia e tempo. Pero, que historia ou historias contamos? Somos conscientes de que os museos estiveron tradicionalmente atrapados nunha visión canónica da historia que buscou a concordancia dos tempos, isto é, explicar as obras de arte cos documentos e testemuños da época, pero sen entender que as imaxes e os obxectos superan o contexto que os fixo nacer, e que, deste modo, o tempo non é o do pasado senón o da memoria, á que o historiador interpela en tanto que receptáculo de tempos heteroxéneos.

O museo optou por distanciarse da narración lineal da modernidade, tal e como se expuxo tradicionalmente, pero tamén do banal esquecemento postmoderno da historia que prolifera nos modelos de exposición máis recentes. Quixemos afastarnos tamén das distincións convencionais entre centro e periferia, atendendo así á complexidade de relacións que se establecen entre o local e o universal.

A historia que propoñemos materialízase nunha armazón de micronarracións que nos falan dun tempo pasado, pero que son sempre no presente e do presente. O seu fin non é abrir unha vía de escape, senón o enriquecemento reflexivo da experiencia, unha aprendizaxe que non deriva do adoutrinamento, senón da activación da capacidade de resposta crítica ante o mundo e, por que non, ante o mesmo museo.

Neste percorrido propóñense catro grandes seccións a través dunha secuencia histórica, sen querer impoñer unha orde cronolóxica estrita. Estas agrupacións propoñen itinerarios alternativos e liñas de fuga que invitan ao visitante a crear os seus propios percorridos e a realizar as súas propias interpretacións.