Buscar

Carta de servizos

O compromiso do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía cos cidadáns, como usuarios dos seus servizos, constitúe unha exixencia de calidade que require explícitos pronunciamentos.

Esta Carta de servizos representa a nosa vontade e esforzo na prestación duns servizos públicos de calidade.

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía é un organismo autónomo dependente do Ministerio de Cultura, cuxo obxectivo é promover o coñecemento, o acceso e a formación do público en relación coa arte moderna e contemporánea nas súas diversas manifestacións e favorecer a comunicación social das artes plásticas.

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía foi creado en 1988 como centro de exposicións temporais, con sede no antigo Hospital de San Carlos de Madrid, edificio do século XVIII, obra de Francisco Sabatini. En 1992 foi inaugurada a colección permanente, constituíndose dende entonces como auténtico museo.

En 2005 inauguráronse os espazos da Ampliación deseñados polo arquitecto Jean Nouvel, que responden ás actuais necesidades espaciais e funcionais do museo, apoiados polos recursos das novas tecnoloxías.

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ten encomendadas estatutariamente as seguintes funcións:

  • Exhibir ordenadamente as coleccións en condicións axeitadas para a súa contemplación e estudo e garantir a súa protección, conservación e restauración.
  • Desenvolver programas de exposicións temporais de arte moderna e contemporánea.
  • Impulsar o coñecemento, difusión e comunicación das obras e identidade cultural do patrimonio artístico do museo e desenvolver actividades didácticas con respecto aos seus contidos.
  • Desenvolver programas de investigación e elaborar e publicar catálogos e monografías.
  • Establecer relacións de colaboración con outros museos e institucións culturais para favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos.

Servizos que presta o Museo Reina Sofía

Colección permanente

O contido da colección permanente do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, composta por unha selección dunhas seiscentas obras dos fondos do museo e situada nas plantas segunda e cuarta do edifico Sabatini, amosa a evolución da arte española e o seu contexto internacional dende finais do século XIX ata a actualidade.

Exposicións temporais

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía ofrece un amplo e variado programa de exposicións temporais de arte moderna e contemporánea, de produción propia ou en colaboración con outras institucións culturais, nacionais e estranxeiras.

  • Ciclos de cine e vídeo
  • Concertos de música de vangarda
  • Actividades educativas
  • Programas escolares
  • Visitas gratuítas guiadas por voluntarios culturais para grupos escolares
  • Servizo de orientación, recursos e formación para o profesorado
  • Programas para familias
  • Talleres infantís
  • Programas para mozos
  • Cursos, congresos, conferencias, xornadas e encontros con artistas

Publicacións

Catálogos, guías da colección, actas e outras publicacións especializadas, dispoñibles na librería.

Biblioteca e centro de documentación

Fondos bibliográficos, fotográficos e audiovisuais especializados en arte contemporánea. Presta servizos de consulta en sala; reprodución de documentos (coas limitacións legais correspondentes); reserva de exemplares; boletín bimestral de novidades; préstamo interbibliotecario e troco de publicacións.

Acceso dos investigadores aos fondos do museo e os fondos documentais

Previa petición xustificada dirixida á Dirección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Reserva de grupos

Composto por un mínimo de quince persoas e un máximo de 30 (ou 25 se son menores de idade)

Utilización de espazos e visitas privadas

Mediante o abono das taxas previstas na lexislación vixente.

  • Librería e tenda
  • Cafetería e restaurante
  • Gardarroupa, teléfonos, caixeiro automático 4B

Compromisos de calidade

Os servizos e os dereitos que se recollen nesta Carta prestaranse e recoñeceranse conforme aos seguintes compromisos:

  • Responder ás solicitudes de reserva de visitas para grupos no prazo máximo de oito días dende a recepción da solicitude.
  • Responder ás solicitudes do servizo de guías voluntarios para as visitas de grupos escolares no prazo máximo dun mes dende a recepción da solicitude.
  • Responder á solicitude do servizo de intérprete en lingua de signos española para as actividades do museo no prazo máximo de sete días dende a recepción da solicitude.
  • Responder ás peticións dos investigadores para acceder aos fondos do museo e aos fondos documentais no prazo de oito días dende a recepción da solicitude.

Indicadores de seguimento

  • Coa fin de poder comprobar o nivel de cumprimento dos compromisos citados, establécense os seguintes indicadores do nivel de calidade dos servizos prestados polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía:
  • Peticións de visitas para grupos contestadas no prazo de oito días e porcentaxe sobre o total.
  • Peticións do servizo de guías voluntarios para as visitas de grupos escolares contestadas no prazo dun mes e porcentaxe sobre o total.
  • Peticións do servizo de intérprete de lingua de signos para as actividades do museo contestadas no prazo de sete días e porcentaxe sobre o total.
  • Peticións de acceso por parte de investigadores aos fondos do museo contestadas no prazo de oito días e porcentaxe sobre o total.

Medidas de corrección

Os cidadáns que consideren que o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía incumpriu os compromisos declarados nesta Carta de Servizos poderán dirixir un escrito de reclamación á unidade operativa responsable da mesma.

No caso de incumprimento, o responsable da Carta de Servizos informará ao reclamante, no prazo máximo de 20 días, das causas polas que o compromiso non se puido cumprir e das medidas adoptadas para corrixir a deficiencia detectada.

Este incumprimento non dará lugar a responsabilidade patrimonial da Administración.

Participación cidadá

Os usuarios poderán participar na mellora da prestación dos servizos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía a través de:

  • A formulación de queixas e suxestións conforme ao previsto nesta Carta de Servizos.
  • Escritos remitidos á Dirección do museo.
  • A Real Asociación de Amigos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, cuxo obxectivo é promover, estimular e apoiar todas as accións que teñan relación coa misión e actividade do museo.

Queixas e suxestións

Formas de presentación: presencialmente, por correo postal e por medios telemáticos.

As queixas e suxestións presentadas por correo electrónico ou a través de Internet deberán estar subscritas coa firma electrónica do interesado.

Se as queixas ou suxestións se formulan presencialmente, o usuario cumprimentará e firmará o formulario dispoñible a tal efecto nos mostradores de información atendidos polas azafatas do museo.

Formuladas as queixas e suxestións na forma sinalada, os usuarios recibirán constancia da súa presentación a través do medio que indiquen.

Correo electrónico para a presentación de queixas e suxestións: 
quejasysugerencias@museoreinasofia.es

Prazos de contestación

Recibida a queixa ou suxestión, o Departamento de Comunicación informará ao interesado, no prazo máximo de 20 días hábiles, das actuacións realizadas.

O transcurso de dito prazo poderase suspender no caso de que se deba requirir ao interesado para que, nun prazo de 10 días hábiles, formule as aclaracións necesarias.

Os efectos da formulación de queixas serán os previstos no REAL DECRETO 951/2005, de 29 de xullo, polo que se establece o marco xeral para a mellora da calidade na Administración Xeral do Estado

Share